Ir o contido principal

Información Xeral

Información Xeral

Situación Xeográfica

O concello de Pontecesures pertence ás terras ás que noutro tempo se lles deu o nome do 'Ullán' e que están bañadas polo río Ulla, xa preto da súa desembocadura na ría de Arousa.

Este pequeno municipio de 6,7 quilómetros cadrados está no lindeiro setentrional da provincia pontevedresa. Antigamente foi un importante porto histórico e é concello independiente dende hai tan só 70 anos, constituíndo un pequeno enclave de notable dinamismo demográfico e económico.

Ten unha soa parroquia, San Xulián (antigo San Xulián de Requeixo) e trece entidades de poboación. A súa capital é Infesta e na actualidade este termo está encadrado funcionalmente na comarca de Caldas, aínda que, dende o punto de vista xeográfico, forma parte da veiga de Padrón.O significado do termo Requeixo descríbenos o relevo cesureño que é un terreo chan que remata nunha pequena meseta e onde se distinguen dúas unidades xeográficas diferenciadas. Unha, practicamente chá e de altitude media moi baixa que se sitúa ao redor do río Ulla, sendo a zona de maior densidade de poboación, e outra que se localiza no interior do termo, onde se atopa unha zona de relevo bastante pronunciada, cunha altitude máxima que se acada nos montes da Lomba e Salgueira.

A rede fluvial está dominada polo río Ulla, que lle serve, en parte do seu curso, de linde municipal. Tamén existen pequenos regatos que nacen nas montañas próximas e conflúen nel. O Ulla, que inicia o seu gran esteiro, é ata aquí navegable.

Mapa de Situación Xeral

Cómo chegar

Vías de Comunicación

O concello ten unha situación xeográfica estratéxica. Punto de paso do primeiro ferrocarril galego dende 1873 e lugar de bifurcación de importantes vías de comunicación do litoral sur galego (autoestrada AP-9, vía rápida do Barbanza VRG-11, estrada N-550).

Apenas 34 Km separan a Pontecesures de Pontevedra, capital da provincia.

Os aeroportos principais de Galicia estan situados a 26Km o de Santiago de Compostela e a 66Km o de Vigo.

Vías de Comunicación por Estrada.

Pontecesures, Pontevedra