AVISO CACHARELAS SAN XOÁN 2026
BANDO
AVISO COMPLEMENTARIO SOBRE AS CACHARELAS DE SAN XOÁN 2026
Ante as altas temperaturas durante os días previos á celebración das cacharelas de San Xoán, e a previsión para o día 23, o Concello de Pontecesures lembra ás persoas solicitantes a necesidade de extremar as medidas de prevención e cumprir estritamente as condicións recollidas nas instrucións municipais xa publicadas.
De xeito especial, instase as persoas responsables das cacharelas a reducir ao mínimo imprescindible o seu tamaño e, por razóns preventivas, a aplicar nas zonas rurais as dimensións máis restritivas previstas para o solo urbano ou núcleo rural, de xeito que o volume do combustible non exceda os 2 metros de diámetro, 6 metros de perímetro, nin 1 metro de altura.
Así mesmo, instase a empregar unicamente leña limpa, seca e compacta, preferentemente troncos, ou madeira maciza sen tratar. Non deberán empregarse madeiras tratadas, pintadas, vernizadas, lacadas, aglomerados, taboleiros, palés tratados ou calquera outro material que poida conter produtos químicos, adhesivos, pinturas, ou similares.
Co fin de evitar a propagación do lume por faíscas ou pavesas incandescentes, non deberán empregarse materiais lixeiros, secos ou de combustión rápida que poidan desprenderse coa calor e ser desprazados polo vento. Para estes efectos, deberá evitarse especialmente o emprego de ramas con folla, restos de poda fina, matogueira, herba seca, follas secas, papeis, cartóns, cortizas soltas ou outros materiais semellantes, por incrementaren o risco de propagación do lume.
As cacharelas poderán ser suspendidas ou revogadas se a evolución das condicións meteorolóxicas, o risco de incendio ou as indicacións das autoridades competentes así o aconsellan.
A Alcaldesa-Presidenta
María Teresa Tocino Barreiro